A importancia das Redes Sociais

A importancia das Redes Sociais

Para que son? As redes non venden soas, pero axudan moito (cando se lles fala ben)

1. As redes sociais

As redes sociais non son só un pasatempo ou un lugar onde botar fotos. Para quen ten un negocio, unha marca ou unha idea, son unha ferramenta poderosa para conectar, emocionar e chegar máis lonxe. Iso si, hai que saber como e para que usalas, sen caer na trampa de estar por estar ou de falar sen saber a quen.

2. Para que serven?

Serven para moito máis ca “estar presentes”. Un perfil ben levado pode:

  • Construír comunidade

  • Xerar confianza

  • Mostrar o valor do que fas

  • Vender sen parecer que vendes

  • Xerar lembranza e reputación

Son canles de comunicación directa, de creación de contido propio e de interacción coa xente que realmente che importa.

3. As marcas que non están, non existen?

Non exactamente. Pero si é certo que se non estás en ningunha rede, estás perdendo oportunidades. A xente busca en Google, pero tamén en Instagram, en TikTok ou en YouTube. Se non apareces, outro ocupará ese espazo.

Agora ben, peor que non estar, é estar mal. Un perfil desactualizado, mal deseñado ou sen alma pode facer máis dano ca ben. Por iso hai que escoller ben onde e como se fai.

4. Escoller ben onde estar

Non todas as redes son para todos os proxectos. Se tes unha tenda de barrio, non tes que bailar en TikTok (a non ser que teñas gas!). Se es unha adega tradicional, pode que Instagram sexa mellor escaparate ca Twitter.

A clave está en saber onde está o teu público, que tipo de contido podes crear con regularidade e que ton vai co teu estilo. Menos, pero ben feito, é máis.

5. Para que serve cada rede?

Cada rede social ten a súa personalidade. Non todas serven para o mesmo nin se fala igual en todas. Hai que entender que isto non vai de estar en todas partes, senón de estar onde toca, co ton axeitado e un obxectivo claro.

  • Instagram é o escaparate. Todo entra polos ollos: deseños bonitos, espazos atractivos, produtos ben presentados… Aquí buscamos atraer visualmente e xerar identidade.

  • Facebook é a taberna de sempre. A xente entra a ver que hai de novo, comenta, comparte cousas que lle interesan e mantén vínculos. É útil para público de mediana idade, eventos e contido local.

  • Twitter (agora X) é para conversas rápidas, titulares e retranca. Ideal para dar opinión, estar ao día e conectar con tendencias e debates, aínda que non é para todas as marcas.

  • YouTube é onde explicas as cousas con calma. Unha boa plataforma para contar historias longas, mostrar procesos ou facer vídeos que perduren no tempo.

  • TikTok é a festa do momento. Rápido, visual e entretido. Se o teu contido é creativo ou podes xogar coa tendencia, esta rede pode dar moita visibilidade.

  • Pinterest é o taboleiro de inspiración. Serve para compartir ideas, estilos e guías visuais. Moi útil para deseño, moda, decoración ou artesanía.

  • LinkedIn é a oficina dixital. Espazo para falar do profesional, compartir logros, conectar con outras marcas ou posicionarte no teu sector.

Cada rede é como unha copa distinta: non todas saben igual, nin todas se beben no mesmo momento. E como aquí tamén nos gusta falar con retranca e con sabor galego, deixámosche unha infografía que compara cada rede cun viño da terra. Porque no fondo, as redes sociais tamén van de saber con quen falas… e como lle serviches o viño. 🍷

6. Estratexia antes que improvisación

Non abonda con publicar por publicar. Hai que saber para que publicas, a quen falas, que queres conseguir e como medir se o estás logrando. Planificar con tempo, manter unha identidade coherente e facer seguimento dos resultados fai toda a diferenza.

As redes sociais non son maxia, pero ben pensadas poden ter un impacto real.

7. Casos reais, impacto real

Hai proxectos que medraron só co boca a boca dixital. Un obradoiro de cerámica, unha adega familiar, unha creadora que fai ilustracións, unha asociación veciñal que organiza eventos culturais… Todos poden usar as redes sociais para dar valor ao que fan e facelo visible.

E ti tamén. Dende o rural, dende un barrio pequeno ou dende unha idea que aínda non naceu, as redes poden ser o escaparate, o altofalante e o punto de encontro.

8. Rematamos

As redes sociais poden ser unha carga ou unha oportunidade. Depende de como as uses. Se as entendes como unha ferramenta estratéxica, adaptada ao teu proxecto e ao teu xeito de comunicar, poden axudarche a medrar, conectar e destacar.

Non se trata de facer todo, senón de facer ben o que encaixa contigo.

Envíanos un correo e falamos

O tempo e ouro, contáctanos?

Unha marca con historia vende moito máis

Unha marca con historia vende moito máis

Contar quen es e de onde vés é unha ferramenta estratéxica para conectar co teu público e destacar no mercado.

Por que necesitamos historias?

As historias forman parte da nosa forma de estar no mundo. Non só informan: emocionan, explican, xeran sentido e constrúen comunidade. Cando alguén nos conta unha historia que nos toca, activamos a memoria, empatizamos, sentimos. Nun mercado saturado de mensaxes e ruído, a historia dunha marca pode ser a diferenza entre pasar desapercibida ou quedar gravada na mente (e no corazón) da xente.

O poder de conectar coa emoción

As decisións de compra non sempre son racionais. Moitas veces, escollémolo que nos fai sentir algo: confianza, orgullo, tenrura, admiración… As marcas que emocionan, fidelizan. Cando unha persoa se sente reflectida ou inspirada pola historia dunha marca, é máis probable que a apoie, que lle dea valor, que a recomende. Contar a túa historia non é só un xesto bonito: é unha estratexia emocional.

Que é o storytelling e como funciona

O storytelling é a arte de contar historias de forma estruturada para transmitir unha mensaxe clara e memorable. Nunha marca, implica construír un relato coherente arredor da súa orixe, valores, motivacións e visión de futuro.

Un bo storytelling:

  • Ten unha voz propia (natural, coherente, recoñecible).

  • Usa emocións reais e evita o artificio.

  • Conecta a historia persoal coa proposta de valor.

  • Dálle un lugar ao público: non fala só de ti, senón do que ti podes facer por eles desde a túa verdade.

A historia como base da identidade de marca

O deseño dunha marca (logotipo, cores, ton de voz, estilo visual…) non é só unha cuestión estética. Todo debe partir da historia que queres contar. A narrativa dunha marca é o fío condutor que dá unidade ao seu universo. Sen ela, o branding pode quedar baleiro ou deslabazado.

Cando construímos marcas en SondeOU, sempre comezamos preguntando:
Que historia hai detrás disto?
Porque aí está o diferencial. Non se trata de inventar, senón de mirar cara dentro e poñer en valor o que xa está.

Como construír a túa narrativa

Algunhas preguntas clave para comezar a artellar a túa historia de marca:

  • Que te fixo empezar este camiño?

  • Que problema queres resolver ou que valor queres achegar?

  • Que momentos marcaron un antes e un despois?

  • Que simboliza o teu nome, o teu logo, o teu estilo?

  • Que queres que a xente sinta cando pense na túa marca?

Responder a estas preguntas axúdache a dar forma a unha mensaxe clara, emocional e estratéxica.

Hai historias que esperan ser contadas (Soncultura)

O mesmo que sucede cunha marca, pasa con lugares. Hai espazos cheos de historia que precisan ser activados, visibilizados, escoitados. Desde SondeOU creamos Soncultura, unha liña de traballo onde combinamos deseño, comunicación e emoción para dar vida a museos, rutas, castros, mosteiros e proxectos culturais con alma.

Pero Soncultura non é só para conservar o pasado. É tamén para crear novas historias.
Porque tamén hai lugares que, sen un relato previo recoñecido, teñen o potencial de converterse en referentes culturais para a súa contorna.

Pensa, por exemplo, nunha nave industrial abandonada, antiga granxa de polos, que quedou no esquecemento despois de que o seu dono se xubilara. Agora, un grupo de veciños decide recuperala como espazo de exposicións, concertos, obradoiros e encontros culturais. Non hai paneis antigos nin documentos históricos… pero hai futuro, hai creatividade, hai xente que quere construír comunidade.
Ese tamén é patrimonio. Esa tamén é unha historia que merece ser contada.

En Soncultura traballamos:

  • Identidade visual e gráfica adaptada ao contorno e contido.

  • Deseño de materiais físicos e dixitais para exposicións, paneis ou publicacións.

  • Píldoras audiovisuais, redes sociais e narrativas para proxectos con valor patrimonial ou cultural.

  • Webs que non só informan, senón que constrúen memoria e fan vivir experiencias.

Porque non abonda con ter un lugar con historia:
ás veces hai que creala, e contala desde o presente.
Se tes un espazo, unha idea ou un proxecto que merece existir e emocionar…
👉 Falamos?

Conclusión: sen historia, non hai alma de marca

Nun mundo que cambia rápido, as historias son o que queda. Son o que conecta, o que diferencia, o que constrúe confianza. Sen unha historia ben contada, unha marca pode ser esquecible.
Con ela, pode chegar moi lonxe.

En SondeOU e Soncultura cremos que cada proxecto, persoa ou espazo ten algo valioso que contar.
Axudámoste a descubrilo e poñelo en valor.

Envíanos un correo e falamos

O tempo e ouro, contáctanos?

Que é unha marca memorable?

Que é unha marca memorable?

Aquela que che vén á cabeza sen pensar. Como a túa avoa co caldo.

Marca memorable

Unha marca memorable é esa que che sae soa cando alguén di “pan”, “móbil” ou “cerveza”.

Non porque sexa a mellor do mundo, senón porque o fixeron ben: fixeron branding e branding fixo clic no teu cerebro.

É coma cando ves un coche branco e pensas en funerarias, aínda que non sexa. As marcas deixan pegada. E iso non é casualidade.

Exemplos que quedan gravados

  • Se che falan de lagostinos, pensas en Pescanova, sen darlle máis voltas.

  • Se che poñen unha cervexa diante, Estrella Galicia, ou non é?

  • Se hai marisco na mesa, aparece o Albariño sen chamar. Iso si que é parella ben feita.

  • E se alguén menciona deseño de Ourense… pois igual xa pensas en SondeOU (😉).

Todo iso é marca. E se che vén á cabeza sen esforzo, é que funcionou.

Como se constrúe unha marca memorable?

  • Coherencia: sempre igual, pero con gracia.

  • Identidade: cor, forma, ton e xeito que encaixen coa túa esencia.

  • Repetición: non aburrir, pero estar presente sen ser pesado.

  • Deseño: se non entra polos ollos, tampouco chega ao corazón.

  • Mensaxe: saber o que dis, como o dis e a quen llo dis.

O que non fai unha marca memorable (pero moitos cren que sí)

  • Copiar á competencia. Non, non funciona.

  • Poñer un logotipo con moitos detalles. Que se ven? Nada.

  • Cambiar de estilo cada mes. Desorientas, non impactas.

  • Falar coma un robot ou coma unha IA barata. A xente quere verdade.

Resumo rápido para os impacientes

Unha marca memorable é coma unha canción pegadiza: queda porque está ben feita, repítese con xeito e conecta contigo.

Non se trata de ser o máis rechamante, senón o máis recoñecible e coherente.

¿Precisas axuda para que a túa marca se grave como un refrán na cabeza da xente?

→ En SondeOU facémolo posible. Sen fume. Sen líos. Con retranca e resultados.

Envíanos un correo e falamos

O tempo e ouro, contáctanos?

Quen fai os logotipos?

Quen fai os logotipos?

Un deseñador. Punto. Non o teu curmán, nin a IA, nin o do bar.

Por que un deseñador e non outra persoa?

Porque un logotipo non é só un debuxiño bonito cun nome enriba. É a cara da túa marca. E ti queres que a túa marca dea boa impresión, non?

Pois para iso fai falta alguén que sepa o que fai. Alguén que estude deseño, que entenda de formas, cores, tipografías, usos, formatos, reproducións, impresións, pantallas e mesmo da vida. Un profesional, vaia.

Que pasa cando llo encargas a quen non sabe?

Pasa isto:

  • Tes un logotipo que se ve ben nun folio, pero non nun móbil.

  • Non sabes cal é a versión en branco para a camiseta negra.

  • Mandas imprimir e o da imprenta che di: “isto vén en .jpg, non tes vectorial?”

  • A letra xa non se le a partir de 5 cm.

  • Ou directamente… é igualiño ó dun taller de neumáticos de Cuenca.

E cando cho fai un/ha deseñador/a?

  • Tes unha identidade feita á medida do teu proxecto.

  • Funciona en redes, nun cartel, nunha tenda online ou nun tractor.

  • Inclúe versións, cores, arquivos, manual e criterio.

  • Transmite o que ti queres dicir, mesmo cando ti non sabes dicilo.

Pero… vale a pena gastar nisto?

Depende. Queres que te tomen en serio ou prefires que pensen que o teu negocio o montaches nunha tarde de choiva?
Un logotipo ben feito é unha inversión que se nota, se sente e se agradece.

En resumo

O logotipo faio quen sabe. E se o queres facer ben, en SondeOU estamos listos para darlle forma ao que tes na cabeza (e que pareza profesional, non un garabato de Paint).

Envíanos un correo e falamos

O tempo e ouro, contáctanos?

Máis Bitácora

SondeOU en BNI – Ourense 1

SondeOU en BNI – Ourense 1

Unha nova etapa en BNI Ourense: SondeOU entra en rede para crear eventos e experienciasÍndice 1. SondeOU crecendo 2. Que é BNI Ourense e por que nos unimos 3. Colaboracións con empresas de referencia en Ourense 4. O que SondeOU aporta como servizo de eventos e...

read more
Rexistra a túa marca (parte 1) por SondeOU

Rexistra a túa marca (parte 1) por SondeOU

O valor dunha marca: créaa, protéxea e faina medrar | SondeOUSabías que a túa marca ten valor máis alá do custo de creala? En SondeOU axudámoste a deseñala, rexistrala e facela medrar con identidade e propósito.Índice 1. As marcas teñen valor canto máis as traballas...

read more
SondeOU: deseño gráfico galego con xeito

SondeOU: deseño gráfico galego con xeito

SondeOUEn SondeOU cremos que o deseño é unha lingua. Unha que fala de quen somos, do que nos representa e de como queremos conectar co mundo. Somos un estudo de deseño gráfico en Ourense que combina comunicación visual, cultura e identidade para axudar ás marcas...

read more