Que é un briefing e por que é tan importante para crear unha marca?
Tes unha idea bastante clara de como queres que sexa a túa marca. Sabes a que te dedicas, quen é o teu público e incluso pode que teñas algunha cor ou estilo en mente. Entón chegas a SondeOU para crear a túa identidade visual e, antes de comezar a deseñar, dinche que vai haber varias reunións e incluso tes que encher un formulario cunha morea de preguntas.
Non te queremos complicar a vida. É o briefing, o noso cinturón de seguridade e a crave da túa marca.
E, aínda que ás veces poida parecer un formulario máis, para nós é unha das partes máis importantes de todo o proceso creativo.
Índice
- 1. Que é o briefing?
- 2. Para que serve o briefing?
- 3. Por que en SondeOU che pedimos o briefing para crear a túa marca?
- 4. Un logotipo, unha historia
- 5. Contar o que fas cun pequeno detalle
- 6. Unha forma sinxela cun significado detrás
- Como cubrir o briefing de SondeOU
- 8. Non intentes deseñar ti a solución no briefing
- 9. O briefing tamén nos axuda a explicarche por que
- 10. Conclusión
1. Que é o briefing?
O briefing é un documento no que se recolle a información esencial dun proxecto: quen é a empresa, que fai, cales son os seus obxectivos, a quen se dirixe, que antecedentes ten, cal é a súa competencia, que quere comunicar ou que condicionantes debemos ter en conta.
É, en definitiva, o punto de partida do proxecto.
Adobe define o briefing creativo como unha folla de ruta que establece o alcance e os obxectivos dun proxecto e proporciona ao equipo creativo a información necesaria para traballar nunha dirección común. E hai un detalle importante: un bo briefing debe dar dirección, pero non proporcionar a solución creativa.
O briefing non ten que dicirnos como debe ser o logotipo. Ten que darnos a información necesaria para que poidamos descubrir como podería ser.
.
2. Para que serve o briefing?
Un bo briefing permítenos entender o proxecto e xa ir véndoo antes de abrir Illustrator.
Serve para coñecer a empresa, a súa historia, os seus valores, o público ao que quere chegar, os seus competidores, os seus obxectivos e aquilo que a fai diferente ( o máis importante). Tamén permite que cliente e estudio partamos da mesma información e reduce malentendidos, cambios de dirección e decisións baseadas simplemente no “gústame” ou “non me gusta”.
Nun proxecto de deseño, coñecer o público obxectivo, os antecedentes da empresa e os seus obxectivos permite tomar decisións visuais fundamentadas. É precisamente unha das funcións que se atribúen aos design briefs: servir de ponte entre o que necesita o cliente e o traballo creativo do deseñador.
Pero en SondeOU hai outra parte que nos interesa especialmente: atopar a historia. Cada persoa que está detrás dunha marca ten unha historia que pode repetirse en algún punto pero sempre ten un punto diferenciador, no mundo das marcas ser diferente significa que te vexan.
3. Por que en SondeOU che pedimos o briefing para crear a túa marca?
Porque se nos dis unicamente “teño unha cafetería e necesito un logotipo”, poderiamos facer unha cunca de café.
E probablemente xa existan uns cantos miles.
O mesmo sucede cunha panadería e unha barra de pan, unha clínica dental e un dente ou unha perruquería e unhas tesoiras.
Todo iso explica o sector, pero non necesariamente explica a marca.
Por iso, cando en SondeOU traballamos nun proxecto de identidade visual ou deseño de logotipo, queremos coñecer moito máis.
Queremos saber por que naceu o proxecto. De onde vén o seu nome. Quen está detrás. Que historia persoal existe. Que referencias tes. Que che gusta e que detestas. Que valores queres transmitir. Como queres que te perciban. Quen é o teu público. Quen é a túa competencia. Que lugares, persoas, recordos ou experiencias forman parte da historia do proxecto ou simplemente da túa vida.
Ás veces pode interesarnos incluso saber cal era o teu conto favorito de pequena.
Porque nunca sabes onde está a idea.
4. Un logotipo, unha historia
Starbucks, máis que café.
Por qué a imaxe de Starbucks é unha serea de dúas colas?
A historia oficial da compañía conta que, cando se estaba construíndo a marca en 1971, buscaban unha identidade vinculada á tradición marítima do comercio do café e á proximidade de Seattle co mar. O deseñador Terry Heckler atopou nun antigo libro marítimo a ilustración dunha serea de dúas colas procedente da mitoloxía grega. A propia compañía explica que esa figura acabou funcionando como metáfora do poder de atracción do café: unha serea que atrae co seu canto.
E ademáis o nome Starbucks está relacionado con Moby-Dick: Starbuck é o primeiro oficial do barco Pequod. A compañía explica que buscaba un nome que evocase aventura, mar e a tradición dos primeiros comerciantes de café.
Coñece a historia da serea de Starbucks
Non necesitas ver unha cunca de café para construír unha identidade arredor do café.
Necesitas atopar unha historia que teña sentido.
5. Contar o que fas cun pequeno detalle
Amazon de A á Z
Outro exemplo coñecido é Amazon.
A frecha do seu logotipo funciona visualmente como un sorriso, pero ademais vai desde o “a” ata o “z”.
Cando Amazon presentou ese deseño no ano 2000, explicou oficialmente que o sorriso buscaba transmitir satisfacción do cliente e que o percorrido da A á Z representaba a amplitude da súa oferta: produtos “de A a Z”.
Historia oficial do logotipo de Amazon
Unha frecha. Un sorriso. Dúas letras.
Poucos elementos poden contar bastante cando detrás existe unha idea.
6. Unha forma sinxela cun significado detrás
Nike é outro nivel
O Swoosh é probablemente un dos símbolos máis recoñecibles do mundo, pero tampouco nace simplemente como unha forma bonita asociada ao deporte.
Nike explica que o símbolo, creado en 1971, inspirouse na deusa grega Nike, deusa da vitoria. Co paso do tempo converteuse nun símbolo ligado ao movemento, ao progreso e ao deporte.
Coñece máis sobre a historia do Swoosh de Nike
E aquí volvemos ao briefing.
Se só preguntamos “que vendes?”, quedamos na superficie.
Pregúntate millor: “por que existe a túa marca?”, “que queres conseguir?”, “que historia hai detrás?” ou “que significa isto para ti?”
7. Como cubrir o briefing de SondeOU
.
Cando che enviemos o noso formulario de briefing, non buscamos respostas perfectas nin frases de marketing. Buscamos as túas palabras.
Buscamos información.
Cóntanos quen es e por que chegaches ata aquí. Cóntanos como naceu a empresa, aínda que a historia che pareza pouco importante. Cóntanos por que escolliches ese nome. Quen é o teu público. Que queres que pense alguén cando vexa a túa marca. Que empresas che gustan e por que. Que referencias visuais che atraen. Que cousas non queres ver nin en pintura.
E cóntanos tamén aquilo que aparentemente non ten nada que ver co teu produto.
Un lugar. Unha persoa. Unha frase. Unha lembranza. Unha tradición familiar. Unha historia persoal. Unha maneira particular de fabricar algo. Un obxecto. Unha paisaxe. Un conto infantil. Unha obsesión.
Non significa que todo vaia acabar no logotipo.
Significa que nos estás dando material para pensar.
8. Non intentes deseñar ti a solución no briefing
Cando cubras un briefing creativo, intenta explicarnos o problema e non resolvernos o deseño.
“Quero transmitir proximidade, tradición e confianza” dános información.
“Quero un círculo verde cunha árbore dentro” xa nos está dando unha solución.
E pode que a árbore sexa a mellor idea. Ou pode que, despois de coñecer a túa historia, descubramos algo moito máis propio.
Un briefing debe orientar sen limitar excesivamente a exploración creativa. Deixa espazo ao equipo creativo para desenvolver conceptos.
Pedímosche referencias, pero non para copialas. Queremos saber que che gusta delas: a súa sinxeleza, a tipografía, a personalidade, a maneira de comunicar, as cores ou a sensación que che producen.
9. O briefing tamén nos axuda a explicarche por que
En SondeOU queremos poder explicarche por que unha tipografía ten sentido, por que aparece determinado movemento nun símbolo, por que escollemos unha forma, que relación ten unha cor coa personalidade da marca ou de onde nace un pequeno detalle do logotipo.
E para poder construír ese relato necesitamos coñecer primeiro o teu.
Por iso gardamos o briefing, volvemos a il durante o proceso e utilizámolo como referencia á hora de tomar decisións.
Nós non facemos cousas bonitas facemos comunicación.
EXPERIENCIAS
Cando presentamos as opcións de marca a un cliente e contamos cómo naceron, nunca hai un no me gusta; hai un xa o teño claro.
10. Conclusión
Ás veces as mellores ideas nacen dunha resposta que parecía secundaria.
Unha historia que contas case de pasada. Unha palabra que utilizas continuamente. Algo que facía a túa avoa. O lugar no que comezou todo. Unha maneira diferente de producir. Unha anécdota. Unha referencia cultural.
Ese pequeno detalle pode acabar converténdose nun xesto tipográfico, nunha forma, nun símbolo ou nun concepto capaz de facer que a túa identidade sexa realmente túa.
Por iso en SondeOU non queremos que cubras o briefing pensando “que resposta estará buscando a deseñadora?”.
Queremos a túa resposta.
Porque para facer un logotipo podemos abrir Illustrator pero para construír unha marca, primeiro temos que coñecela.
Envíanos un correo e falamos
